Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta salienta ante o Comité das Rexións a importancia da participación cidadá para a consolidación dunha verdadeira estrutura democrática na UE


O director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, participa na reunión conxunta do Comité das Rexións e a Rexión de Murcia para analizar experiencias de participación cidadá de municipios e rexións europeas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión que a Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións realizou a Murcia para reflexionar e coñecer prácticas de participación cidadá na Unión Europea. Gamallo resaltou na reunión a importancia que estas experiencias teñen “na consolidación dunha verdadeira estrutura democrática na UE”.

Organizado pola propia comisión CIVEX e o goberno rexional de Murcia, o encontro serviu tamén para que Galicia presentara a Lei 1/2016 do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, que no seu artigo segundo enumera como un dos seus principios reitores o “principio de participación cidadá” e que crea o Portal de transparencia e Goberno aberto, posto en marcha en Galicia o pasado 8 de marzo http://transparencia.xunta.gal/portada. Este portal constitúese como punto de acceso electrónico para poñer ao dispor da cidadanía, a través da Internet, a información que se deba facer pública de acordo coa normativa básica de aplicación e coa Lei de transparencia e bo goberno.

Gamallo tamén se referiu á “iniciativa cidadá europea”, un importante instrumento de democracia participativa na Unión Europea. Grazas a esta medida, un millón de cidadáns da Unión que residan en polo menos unha cuarta parte dos Estados membros poden instar á Comisión para presentar unha proposta de acto xurídico que consideren necesaria para a aplicación dos Tratados da UE. A iniciativa cidadá debe ser unha invitación para que a Comisión Europea propoña un texto lexislativo nalgún dos ámbitos onde ten competencias (por exemplo, agricultura, medio ambiente, transportes ou saúde pública).

O rol das administracións locais
No encontro de CIVEX en Murcia participan Manuel Pleguezuelo, director xeral de Participación Pública, Unión Europea e Asuntos Externos do Goberno de Murcia, que deu conta dos instrumentos e iniciativas cos que contan as administracións rexionais para promover a participación cidadá, e de José Molina, presidente de Transparencia do Concello de Murcia, que relatou a experiencia municipal cos orzamentos participativos no nivel rexional e local. Todos eles destacaron que as administracións máis próximas ao cidadán teñén un rol esencial na posta en práctica de políticas que alimenten a participación dos veciños e a súa implicación na vida política, xa que as percepcións dos cidadáns contribúen a un sistema decisorio máis informado en todos os niveis de goberno.

Experiencias prácticas
Ademais, os representantes rexionais e locais reunidos puideron coñecer prácticas sobre o terreo, como o proxecto de rehabilitación do barrio murciano de Espírito Santo e o papel das asociacións veciñais no proceso. Outras accións expostas foron o modelo de participación cidadá do concello de Molina de Segura e a experiencia interxeracional do “Banco da sabedoría” de San Pedro del Pinatar.

A comisión CIVEX do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato 2015-2020, Galicia participa na comisión CIVEX, que se encarga de temas como a cidadanía activa, a política de inmigración e as relacións exteriores, e na comisión NAT, sobre desenvolvemento rural e Política Agraria Común (PAC), pesca e recursos naturais.